Polo Nadal, volve Ponte Xogos, que este ano estreará presenza nos barrios e iluminación na tirolina
Por Natalia Puga
Unha Carpa Iglú de 450 metros cadrados ambientada no Polo Norte na Praza de España, iglús e foodtrucks itinerantes polos barrios e unha Tirolina Ártica de 150 metros que por primeira vez estará iluminada. Así se vivirá este ano o Nadal en Pontevedra da man do programa municipal Ponte Xogos.
A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, non dubidou este ano en cubrir a cabeza cun gorro para ir imprimindo a Pontevedra ese espírito de Nadal que, como é xa habitual, se concentrará arredor de Ponte Xogos. Ademais, convidou á poboación de toda a provincia e de toda Galicia a que se achege ao Nadal pontevedrés, que "vai ser moi potente", e amosouse convencida de que "desde a tirolina vaise ver a noria de Vigo".
En relación coa tirolina, bautizada este ano como Tirolina Ártica, sinalou que terá 150 metros e estará iluminada, de maneira que será un dos atractivos fundamentais do Nadal na cidade. Xa adiantou, ademais, que os concelleiros socialistas Paloma Castro e Iván Puentes se subirán, pero ela non, pois ten vertixe. Trátase dunha actividade pensada para rapaces de entre 5 e 14 anos e permanecerá aberta ao público entre o 20 de decembro e o 3 de xaneiro en horario de 12.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 20.00 horas.
A programación abrirá o 20 de decembro ás 16.30 horas coa inauguración da Carpa Iglú de 450 metros cadrados na Praza de España. A partir dese día, permanecerá aberta ata o 3 de xaneiro en horario de 12.00 a 14:00 horas e de 16.30 a 19.30 horas, cunha ambientación inspirada no Polo Norte e actividades que van "ensinar aos nenos como manter o Polo Norte", o que implica, segundo Yoya Blanco, que "imos un pouco máis alá nas actividades infantís".
A carpa ofrecerá actividades como un Mini Glaciar, un espazo de interacción entre pais e fillos de 0 a 3 anos que conta cunha piscina de bolas (a Mini Lagoa); un Pobo Esquimal, composto por un iglú inchable de case cinco metros de diámetro e no que se desenvolverán obradoiros para rapaces de entre 4 e 9 anos; e un espazo Pesca Inuit no que os pequenos de entre 3 e 12 anos poderán gozar da experiencia da verdadeira pesca esquimal en piscinas con peixes de cores, que terán que atrapar no xeo.
Un dos grandes atractivos desta carpa será o Gran Iceberg, un tobogán xigante inchable de cinco metros de altura para nenos de 4 a 12 anos dende o que os participantes caerán nunha piscina de bolas. Tamén haberá unha actividade Expedición Polar, na que a rapazada de entre 5 e 12 desenvolverá os citados obradoiros sobre o Polo Norte e sobre como salvalo. A programación complementarase con dúas actuacións especiais no seu escenario: unha de Maxia e outra de Contacontos.
Unha das principais novidades deste ano será a chegada de Ponte Xogos aos barrios. Unha carpa iglú itinerante e os foodtrucks estarán o sábado 21 de decembro na zona de Pontevedra Leste, na pasarela da rúa 12 de Novembro no caso de que o tempo acompañe e no Centro Sociocultural no caso de choiva. O sábado 28 de decembro estará no barrio de Monte Porreiro, no Centro Sociocultural (fronte ao IES Luís Seoane) e se fai bo tempo, no exterior; e o domingo 29 no barrio Burgo, ben na Praza de Pasarón, ben no Centro Sociocultural de Lérez.
Nos tres barrios as actividades serán entre as 16.00 e as 20.00 horas. A foodtruck de Nadal ofrecerá obradoiros de elaboración de galletas que os máis pequenos poderán levar a casa e regalar a toda a familia.
Ponte Xogos, como é habitual, ten por obxectivo axudar a potenciar e dinamizar as vendas no comercio local, de maneira que non se pide entrada, o pase será un ticket do comercio local. "Hai que continuar mercando no comercio local para poder entrar nas capas", animou Yoya Blanco.