Unión Fenosa moderniza o transformador que subministra electricidade a Cerdedo
Por Redacción
Preto de 60.000 euros investiu a empresa Unión Fenosa Distribución, a distribuidora eléctrica do grupo Naturgy, para modernizar o centro de transformación que proporciona o subministro de electricidade ao núcleo urbano de Cerdedo.
Esta actuación, destacan desde o goberno municipal, suporá un impulso á calidade do servizo enerxético desta localidade. Ademais, celebran a axilidade na resposta por parte da empresa para que os veciños de Cerdedo conten cun servizo de primeiro nivel.
Con motivo do remate destes traballos, que finalizaron hai uns días, o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, a concelleira Lourdes Ovelleiro e o delegado da compañía en Pontevedra, Francisco Ramos, visitaron as remodeladas instalacións e posteriormente mantiveron unha xuntanza de traballo na casa consistorial.
No caso de Cerdedo, Unión Fenosa Distribución substituíu o transformación e modernizou a infraestrutura de media tensión existente, coa incorporación dun novo conxunto de cinco celas telecontroladas de última xeración, o que permite mellorar a fiabilidade do servizo e os tempos de reposición en caso de incidencia.
Os traballos realizados tamén contemplaron a reparación integral da caseta coa reforma do seu interior, o teito, a fachada e o acceso, o que repercute favorablemente na súa funcionalidade e na súa imaxe estética.