O prezo do plato do XantaCaldelas 2020 será o dobre de caro para os foráneos
Por Oskar Viéitez
O Concello de Ponte Caldelas ten xa data oficial para o XantaCaldelas 2020: será o domingo 16 de agosto na Alameda de Ponte Caldelas.
O Goberno local cre que este xantar de confraternidade que une á veciñanza e ás persoas emigradas "consolídase como unha xornada de referencia para o municipio".
A novidade para o ano 2020 será a diferenza no prezo do plato. As persoas empadroadas en Ponte Caldelas e as nacidas no municipio (comprobación mediante DNI) pagarán 10 euros, o prezo de tódalas edicións, mentres que os non empadroados pagarán 20 euros.
O Concello toma esta decisión "logo de que na última edición se detectase un incremento de persoas que acudiron á comida de confraternidade e que non teñen unha vinculación directa con Ponte Caldelas". Deste xeito, o goberno local quere establecer "unha cuota máis xusta".
Na edición 2019, participaron 1.535 persoas e o custe total foi de 28.888,56 euros. Cada participante pagou 10 euros e o concello asumiu pouco máis de 8 euros por persoa.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz indicou que "ao Concello o XantaCaldelas 2019 saiulle por 13.538 euros, un prezo razoable tendo en conta o disfrute da veciñanza. É o que se paga por unha orquesta nas festas da Troita ou das Dores. A inversión está máis que compensada tendo en conta que todos os locais de Ponte Caldelas e as súas terrazas se encheron á hora do ‘vermú’ e tamén durante a tarde".