Marín promoverá a figura de Gago de Mendoza con visitas teatralizadas nos colexios
Por Redacción
Os centros educativos de Marín acollerán, a partir do próximo 10 de decembro, unha xira de visitas teatralizadas que buscan promover a figura de Gagos de Mendoza.
O Concello considera que Gago de Mendoza foi un home que marcou a historia de Marín e por iso ten como obxectivo promover a súa difusión entre a rapazada marinense.
Despois de realizar unha banda deseñada coa historia da figura deste armador, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, agora o Concello impulsa estas visitas teatralizadas que comezarán coas escolas infantís Nosa Señora do Carme e O Grupo.
O día 11 representarase no CPR La Inmaculada e o día 16 no CPR San Narciso e no CEIP Sequelo. As visitas completaranse o 17 de decembro no CEIP A Laxe e no CEIP Carballal e o 18 de decembro no CEIP de Seixo e no CEIP de Ardán.
As visitas faranse con cargo á subvención para a dinamización lingüística do ente provincial e servirán para explicarlle aos rapaces e rapazas, de maneira amena e didáctica, o papel que tivo Gago de Mendoza na liberación da vila en 1809 durante a Guerra da Independencia Española.