O Teatro Principal acolle a estrea do documental 'A memoria neta'
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
O Teatro Principal acolleu este mércores a estrea do documental "A memoria neta" unha cita enmarcada nas homenaxes ás víctimas do franquismo e ás súas familias programadas polo Concello para este mes de novembro.
O acto incluiu unha pequena homenaxe aos 10 pontevedreses asasinados o 12 de novembro, posto que o acto institucional previsto tivera que ser suspendido por causas metereolóxicas.
No documental 8 familias pontevedresas e 14 persoas achegan as súas testemuñas. Son as familias Gama, Arruti, Lores Torres, Gamallo Adrio, Caamaño, Dios, Paz e Bóveda e na elección mesturánronse familias que militaron desde sempre na recuperación da memoria, con outras nas que imperou o silencio e con perfís máis coñecidos como as familias das vítimas do 12N.
No seu discurso o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, sinalou que con este acto "volvemos xuntarnos para conmemorar a dignidade colectiva e a loita a prol da democracia e das libertades, ao tempo que volvemos reivindicar a necesidade de perseverar contra o esquecemento, a represión e o expolio".
O alcalde tamén advertiu que "da tibieza e da ambigüidade, das políticas de medias tintas en cuestións de Memoria Histórica, agroma de novo o fascismo, e temos que ver como se vén abrindo camiño co seu credo de terror, de recorte de liberdades fundamentais, e de negación de dereitos acadados con gran esforzo colectivo".
Pola súa banda o concelleiro de Memoria Histórica, Xaquín Moreda, salientou que "a Memoria Histórica non é pasado, e chave coa que construír o noso futuro como sociedade, nunca sobre a ocultación, a negación dos crimes e o silenciamento das vítimas".
O documental se centra en como se transmitiu a represión, incluíndo o silencio que predominou en moitas familias, e tamén como lles foi afectando a todas as xeracións posteriores.
Xaquín Moreda agradeceu a implicación de todas as persoas que participaron neste traballo, e especialmente a Montse Fajardo polo guión e a Xan Xiadas pola realización.
Relacionadas:
-
Pontevedra recupera a 'memoria neta' das familias vítimas da represión franquista
Por Alejandro Espiño |
-
A familia Paz súmase ás de Bóveda e Caamaño e adhírese á querela arxentina contra os crimes do franquismo
Por Redacción |
-
Xornada de 'loita conta a impunidade' na Deputación co fomento de accións xudiciais contra barbaries do franquismo
Por Redacción |