A Atención Primaria, de novo en folga para reclamar un servizo digno
Por Redacción & Cristina Saiz
Desde as oito desta mañá os profesionais da Atención Primaria están en folga. En Pontevedra, aínda que a incidencia do paro fíxose notar desde primeira hora, non foi ata a tarde cando se celebrou unha concentración de protesta diante do ambulatorio Virxe Peregrina.
Os sindicatos celebran o apoio que está a recibir este paro entre todo o persoal da área sanitaria pontevedresa. Nela, segundo os datos que trasladaron á opinión pública, ata un 60% dos profesionais secundaron este paro.
O Servizo Galego de Saúde, sen embargo, reduce este seguimento ata o 18,1%.
A folga terá continuidade este xoves con novos paros para reclamar unha atención primaria digna.
Esta é a terceira folga que se convoca este ano na atención primaria galega. Con ela, o persoal sanitario reclama crear unha dirección de atención primaria que teña capacidade de xestión, que se alivie a sobrecarga de pacientes que atenden os médicos ou que se aumente o orzamento destinado aos centros de saúde.
Ademais, esixen que se cubran todas as prazas que seguen vacantes e que todos os médicos de familia, traballen onde traballen, poidan solicitar as mesmas probas diagnósticas, entre outras reivindicacións.
A raíz desta folga, desde a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés aseguraron que case todas as accións contempladas no Plan de Atención Primaria para o presente ano están executadas ou en proceso de completarse.
Estas accións supuxeron a incorporación de trece novos profesionais, en concreto tres médicos de familia, un fisioterapeuta e nove enfermeiras, e o investimento de 1,4 millóns de euros para resolver as necesidades máis urxentes dos centros de saúde.
Con eses cartos, segundo o Sergas, adquiríronse maletíns de urxencias a todos os centros de saúde, catro ecógrafos ou material cirúrxico e se incorporaron oito dermatoscopios, material de fisioterapia e odontoloxía, pesabebés, oftalmoscopios de parede, 44 desfibriladores, 58 aparatos para medir a presión arterial, 61 espirómetros ou 56 electrocardiógrafos.
Ademais, destacan que estas medidas sumáronse a os profesionais consultores en atención hospitalaria, os profesionais de referencia en admisión, os programas de coordinación, a habilitación dunha receita electrónica para a atención no domicilio, para o 061 e para centros concertados, a conciliación da medicación tras a alta hospitalaria ou o reforzo dos protocolos.
Relacionadas:
-
Meis e Meaño recuperarán a atención pediátrica o 4 de decembro
Por Redacción |
-
Sanidade inviste 78.000 euros en melloras nos centros de saúde de Baltar, O Grove e o Virxe Peregrina
Por Redacción |
-
Denuncian a situación "precaria" do centro de saúde de Campo Lameiro
Por Redacción |
-
Convocada unha folga na Atención Primaria
Por Oskar Viéitez |