Sáldase sen feridos un accidente entre un turismo e unha furgoneta da ONCE na que viaxaban cinco menores
Por Redacción
Ás 12.17 horas deste mércores, os servizos de emerxencia tiñan constancia dun accidente de tráfico que se rexistraba na contorna da ponte da Illa de Arousa.
O condutor dun Renault Clío saíase do seu carril e impactaba lateralmente contra unha furgoneta da Fundación ONCE, na que viaxaban unha condutora, tres monitores e cinco menores con discapacidade. No momento do accidente rexistrábanse condicións meteorolóxicas adversas con vento forte e asfalto mollado que dificultaba a circulación.
Segundo informan os servizos de Protección Civil, ningún dos ocupantes dos vehículos sufriron feridas de consideración. Ata o lugar desprazábase unha unidade da Garda Civil de Tráfico, a Policía Local, efectivos de Protección Civil e operarios para a limpeza da vía.