Luns 22, mal día para ir traballar
Por Oskar Viéitez
A xornada do luns quedará marcada en negro no calendario laboral de Galicia polos numerosos accidentes rexistrados no traballo e a gravidade dos mesmos.
A primeira hora da mañá o patrón dun pesquero de Moaña sufriu un accidente laboral na ría de Vigo tras quedar enganchado na máquina de lanzar o aparello. Como consecuencia dos repetidos impactos, o ferido tivo que ser operado de urxencia no hospital Povisa. Tiveron que amputarlle as dúas pernas e atópase en estado crítico. Ademáis, sofre fracturas nun brazo.
O dramático relato continúa horas máis tarde en Santiago de Compostela. Outro traballador sufría a amputación dun brazo cando foi alcanzado por unha máquina de yeso. Traballaba na reforma dunha vivenda.
Pero sen dúbida o accidente máis grave sucedeu na parroquia de Santiso, en Lalín. Ao mediodía falecía un traballador esmagado por unha carretilla elevadora.
Ademáis dous axentes da Policía Local de Vilagarcía resultaron feridos tras chocar contra un coche ao que trataban de dar o alto e que protagonizou unha espectacular persecución policial polas rúas da cidade.
Estes datos frean a tendencia positiva rexistrada nos últimos meses nos que a siniestralidade laboral diminuíu nun 23,86%. En concreto nos oito primeiros meses do ano, houbo un total de 15.776 accidentes laborais fronte aos 20.719 no mesmo período do ano 2011, segundo datos da Xunta de Galicia.
Este descenso dos accidentes laborais foi do 27,44% na provincia de Pontevedra.