Persoas con diversidade amosarán o seu talento artístico o mércores 4 no Museo na gala Voces Ocultas 2019
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
O vestíbulo do Sexto Edificio do Museo acollerá o próximo 4 de decembro un acto para conmemorar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que se celebra o 3 de decembro. Será un evento con formato de gala-concerto no que persoas usuarias das asociacións Amencer-Aspace, Down Pontevedra Xuntos e Amizade realizarán unha performance baixo o título de Voces Ocultas 2019 na que repasarán as iniciativas levadas a cabo no últimos tres anos en colaboración co equipo do Estudo Bonobo e de Artecalavera e coa concellería de Benestar Social.
As portas do Museo abriranse ás 19.30 horas e está previsto que o espectáculo comece ás 20.00 horas con entrada gratuíta ata completar o aforo de apróximadamente 80 persoas que ten o recinto. Así o explicaban este xoves Paloma Castro, concelleira de Benestar Social, acompañada por Gonzalo Maceiras, director da iniciativa e por Paula Gondar, de Xuntos; Sergio González, de Amencer-Aspace e Paulo Fontán, de Amizade.
O evento mostrará unha exhibición de música, artes plásticas, fotografía, deseño ou vídeo-montaxe con textos literarios de Sergio González. Trátase de proxectos nos que traballan ao redor de 16 persoas usuarias destas asociacións, dez docentes, ademais de técnicos dos diferentes colectivos.
A proposta busca, segundo explicaba Gonzalo Maceiras, desenvolver diferentes capacidades de persoas con diversidade sensorial e funcional a través da música e da músicoterapia, baseándose no acto que levaron a cabo o 4 de xullo no Teatro Principal con textos, propostas plásticas e música.
Sergio González explicaba que cando se ten unha discapacidade custa moito abrirse camiños e que nestes colectivos hai persoas con moito talento. Pola súa banda, Paulo Fontán indicaba que non todos os profesores teñen a paciencia e profesionalidade que atoparon no Estudo Bonobo para levar a cabo este tipo de proxectos entendendo que a discapacidade achega valor. Nesta mesma liña manifestábase Paula Gondar ao agradecer que se poida dar a oportunidade a persoas que queren mostrar as súas capacidades artísticas.
Paloma Castro afirmaba que están previstas accións para o ano 2020 na mesma liña incluíndo tamén a persoas da asociación Juan XXIII. Ao longo dos próximo ano vai levarse a cabo un concerto no Teatro Principal no mes de xuño, presentarase un libro e unha peza audiovisual o 3 de decembro.
Relacionadas:
-
Voces Ocultas, o cantar sen fronteiras, chegará ao Principal o 2 de decembro
Por Redacción |
-
COVID-19: Unha enfermidade e outra barreira para persoas con diversidade sensorial
Por Marisa Ciordia |
-
O Día da Discapacidade une ás entidades sociais nunha "paraugada" de cores
Por Cristina Saiz & Oskar Viéitez |
-
Estudan a creación dun servizo municipal para atender as afeccións neuronais de menores
Por Redacción |