Cerdedo-Cotobade aproba en Pleno un paso decisivo para crear un polígono industrial en Monte Mocín
Por Redacción
O pleno municipal de Cerdedo-Cotobade aprobou este xoves un paso decisivo para a creación dun polígono industrial en Monte Mocín, entre as parroquias de Santa María e San Xurxo de Sacos.
En concreto, o acordo plenario aproba a modificación puntual número 2 das Normas Subsidarias do seu planeamento, que supón a reclasificación de case doce hectáreas nesta zona como solo urbanizable industrial para a creación do citado polígono.
Este novo trámite provoca a suspensión do outorgamento de licenzas na contorna afectada e supón a aprobación inicial do proceso administrativo para este parque empresarial, impulsado e deseñado polo goberno local e que xa dispoñía dun informe favorable da Xunta de Galicia correspondente coa Avaliación Ambiental Estratéxica.
O Concello ten previsto continuar co procedemento por medio da oportuna fase de exposición ao público por espazo de dous meses dende a publicación do acordo e da solicitude dos preceptivos informes sectoriais a distintas administracións públicas e organismos.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, explicou que o polígono de Monte Mocín é "estratéxico" para o territorio de Cotobade, xa que nel vanse conxugar os medios tecnolóxicos coa harmonización na contorna, a proximidade a Pontevedra e unhas boas conexións por estrada, polo que ademais complementarase co existente na zona do Sangal, en Cerdedo, e co futuro de Folgoso.
O proxecto de solo industrial de Monte Mocín afecta a 117.984 metros cadrados, dos cales 52.318 serán para parcelas industriais de uso xeral e 5.703 para proxectos niño ou en fase de creación, 1.700 para uso terciario, preto de 25.000 para zona verde e unha cifra similar para o viario.
Relacionadas:
-
Investirán 50.000 para mellorar as beirarrúas e sinais do parque empresarial do Sangal
Por Redacción |
-
Medio Rural dá luz verde ao proxecto industrial de Monte Mocín, en Cotobade
Por Redacción |
-
Aempe aposta polo desenvolvemento industrial en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
Cerdedo Cotobade deseña un polígono industrial en Santa María de Sacos
Por Redacción |