Pide axuda á Policía tras un accidente e comproban que circulaba sen carnet, sen seguro e coa ITV caducada
Por Redacción
Un home de 52 anos foi denunciado pola Policía Local de Marín como autor dun delito contra a seguridade viaria despois de que, tras sufrir un accidente e pedir auxilio aos axentes, estes descubrisen que circulaba sen carné, sen seguro e coa ITV caducada.
Segundo informou a Policía Local, os axentes foron alertados do accidente polo propio condutor que, preto da unha da madrugada, achegouse ás oficinas da policía.
O individuo explicou que tivera un sinistro co seu coche na zona de Cidrás e, como carecía da contratación do servizo de guindastre, pediu axuda para retirar o coche da calzada.
Ao chegar ao lugar do accidente, a patrulla policial comprobou que o coche non tiña seguro, a ITV estaba caducada e o condutor tiña retirado o carné tras perder todos os puntos.
A Policía Local, ademais de entregar as dilixencias no xulgado, impúxolle unha multa de 1.500 euros por conducir sen seguro, outra sanción de 200 por non ter a ITV en regra e unha terceira de 500 euros por conducir sen o carné en vigor.
POSITIVO POR DROGAS NOUTRO ACCIDENTE
Pola súa banda, un home de 59 anos deu positivo por drogas, concretamente cocaína e opiáceos, tras causar un accidente de tráfico na Avenida de Ourense.
Segundo os datos da Policía Local, impactou por detrás contra un coche que estaba parado diante dun semáforo e, posteriormente, deuse á fuga.
O condutor, que foi localizado polos axentes pouco despois, tampouco tiña o coche asegurado e non pasara a ITV desde 2017. Por todo iso, foi sancionado con 1.500 euros por non ter seguro, con 200 euros por non facilitar os datos á parte contraria do accidente e con 1.000 euros por conducir drogado. Por isto último, ademais, perdeu seis puntos.