Recoñecemento especial nos Premios Meninas a Carmela Silva, que "sufriu o machismo en primeira persoa"
Por Redacción
A entrega dos premios Meninas, que recoñecen a persoas e institucións que se destacan pola súa loita contra a violencia sobre as mulleres, tivo este xoves marcado acento pontevedrés. A Deputación Provincial foi a única institución galega premiada e unha das mencións honoríficas foi para o equipo EMUME da Garda Civil de Pontevedra. Ademais, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, que presidiu o acto, quixo facer un "recoñecemento especial" á presidenta provincial, Carmela Silva, que "sufriu o machismo en primeira persoa".
Javier Losada aproveitou o seu discurso para convidar, animar e demandar aos concellos de Galicia a sumarse ao Sistema de Protección ás Vítimas de Violencia de Xénero, o coñecido como sistema VioGen, que na actualidade conta con 19 municipios e outros 15, en vías de integración. Considérano como paso fundamental para ser máis fortes na loita contra a violencia de xénero e para "dicirlle alto e claro aos criminais e aos negacionistas que non imos parar, que imos defender con firmeza ás mulleres e con iso os valores da nosa democracia".
Na súa intervención, explicou que o galardón á Deputación de Pontevedra recoñece o seu compromiso coa igualdade, "de palabra e obra". En concreto, distínguena porque creou no ano 2015 un Servizo de Igualdade co obxectivo de lograr a consecución da igualdade efectiva para as mulleres e homes en todos os ámbitos da vida política, económica cultural e social da provincia.
A presidenta da Deputación, que recolleu o premio acompañada da deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, lanzou un reto na súa intervención. Convidou as administracións públicas a non organizar ningún acto institucional, xornada ou conmemoración na que non haxa unha representación paritaria de mulleres e homes. "Estamos fartas de ver fotos con presenza exclusiva de homes", denunciou. "As mulleres estamos en todos os campos, somos o 52% da poboación e o 54% das persoas tituladas, temos os mellores expedientes, os currículos máis notables e por iso queremos estar en todo e dirixir a metade de todo".
No caso do Equipo de Muller e Menor (EMUME) da Garda Civil de Pontevedra, recibe mención especial porque ten como misión principal asumir aquelas intervencións máis graves no ámbito relacionado coa violencia de xénero, así como malos tratos graves, agresións sexuais neste ámbito, abandono de nenos e menores, mendicidade ou explotación laboral de menores, tráfico de nenos, trata de seres humanos con fins de explotación sexual, pornografía infantil, agresións ou abusos sexuais a menores, delincuencia xuvenil, malos tratos a persoas con discapacidade intelectual ou persoas maiores.
O delegado do Goberno anunciou a súa intención de perpetuar os Premios Meninas, que se entregan desde 2004 pero só desde 2018 en Galicia, e convertelos nun día para recoñecer o traballo daquelas persoas ou entidades que converten "a loita incansable contra o sufrimento e a dor que padecen as mulleres" no seu aceno de identidade.
"Hoxe recoñecemos a quen sen pedir nada a cambio entregan o seu tempo, o seu esforzo e as súas capacidades para axudar a outras persoas, para axudar a salvar vidas", destacou Losada, consciente de que "queda moito por facer" e "non podemos permitirnos baixar a garda".
A gala de entrega, celebrada na Capela Real do Hostal dos Reis Católicos, estivo amenizada pola artista Guadi Galego e presentada pola xornalista Aida Pena. Como recoñecemento ao seu arduo labor na loita contra a violencia de xénero, as persoas e entidades premiadas recibiron unha escultura en forxa dunha menina. Esta figura está realizada nos talleres ocupacionais de distintos centros penitenciarios.