Poio presenta un orzamento de 12,7 millóns de euros e anuncia que vai incumprir a regra de gasto
Por Oskar Viéitez
O goberno local de Poio, conformado polo BNG, PSOE e Avante, presentou un orzamento para o próximo ano de 12,7 millóns de euros.
O concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro sinalou que o orzamento do Concello de Poio cumpre con todas as prescricións legais para poder ser aprobado, pero xa adianta que "ao longo do ano imos gastar máis que ese teito de gasto". "Nós preferimos cometer ese pecado e dar servizo aos veciños", engadiu.
"Se fósemos cumprindo o que di a regra de gasto e as normas de estabilidade orzamentaria e equilibrio financeiro non teriamos, seguramente, débeda ningunha agora", apuntou o edil nacionalista.
A débeda do concello prevista para o 2020 é de 5,3 millóns de euros (un 49% de endebedamento), polos que se pagan 37.000 euros en intereses "unha auténtica ridiculez nun orzamento de 12 millóns", valorou Barreiro.
Está previsto amortizar 574.000 euros e o Goberno local pedirá 500.000 euros en préstamos para financiar investimentos como a compra de terreos para ampliar o pavillón ou construír en novo centro de saúde.
Por volume os dous capítulos máis importantes do orzamento son o de Persoal (3,9 millóns) e o de Servizos correntes (7 millóns).
O alcalde de Poio, Luciano Sobral destacou que o orzamento para 2020 "é moi parecido ao do ano pasado" e mantén as taxas municipais "conxeladas". O capítulo de investimentos "aínda que pareza pequeno", con só medio millón de euros, non recolle o diñeiro procedente doutras administracións, polo que estiman que os investimentos finais "roldarán os tres millóns de euros".
"Poderiamos ir a un orzamento máis alto, que non realista, pero preferimos quedarnos curtos a ter que corrixilo ao longo do ano", comentou o alcalde. As contas presentadas recollen "a acción política consensuada do equipo de goberno", segundo Nito Sobral.
O concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro, recoñeceu que o orzamento é "practicamente un calco do ano pasado".
Neste ano en curso, segundo a cifra avanzada pola interventora, os ingresos do concello de Poio elévanse a 17,3 millóns de euros. Isto significa que, con respecto ao orzamento que está en vigor, vai liquidar un 37% máis alto. Xulio Barreiro achacou este desaxuste ás limitacións legais da regra de gasto e de equilibrio financeiro implantadas polo ministro Cristóbal Montoro.