Andrés Díaz insiste en que a Casa da Quintán acolla un centro interxeracional
Por Redacción
Continúan as discrepancias entre a Xunta de Galicia e o Concello de Ponte Caldelas sobre o uso que se dará á Casa da Quintán. A proposta inicial por parte da administración autonómica era reabrir estas instalacións e convertelas nun centro de menores tutelados.
A esa iniciativa, o goberno local quixo engadir a instalación nas mesmas dependencias dun centro de día para persoas maiores, creando un espazo interxeracional. A Xunta manifestou que rexeitaba esta proposta porque ningún centro interxeracional combina atención a menores tutelados con atención a maiores.
O alcalde Andrés Díaz considera que esa decisión por parte da Xunta responde a cuestións vagas, entre as que sinala a falta dun ascensor. Unha afirmación que o rexedor entende que demostra que non estudaron a proposta nin coñecen a instalación porque o edificio conta cun elevador.
O Concello de Ponte Caldelas aclara, a través dun comunicado, que non se nega a unha utilización social da Casa da Quintán para acoller a menores tutelados. Con todo, o alcalde informa a veciñanza de que "houbo problemas de violencia e adicións no centro de menores tutelados do Príncipe Felipe" en Pontevedra.