O BNG de Marín inicia unha campaña para que o Porto cambie de sitio os contedores
Por Oskar Viéitez
O BNG comezou este venres unha campaña co lema "Para ver o mar, contedores a outro lugar" coa que pretende sensibilizar á cidadanía de Marín e emprazar á Autoridade Portuaria sobre a situación dos contedores no porto fronte á vila.
A portavoz municipal e responsable local do BNG en Marín, Lucía Santos explicou que a súa formación defende que "sería máis efectivo e económico a colocación noutro lugar", por iso propoñen que sexan levados e depositados "preto da terminal portuaria".
"Non entendemos o silencio do Concello de Marín con todo que teña a ver co Porto cando prexudica á vila", di Santos Omil. "Un silencio de complicidade onde a alcaldesa claudica ante os intereses do porto en detrimento de os da cidadanía", engade a portavoz nacionalista.
Para o Bloque "o pobo de Marín séntese prexudicado de maneira alarmante" cando ve "empantanados e almacenados" os contedores de transporte marítimo.
Desde o BNG demandan un proxecto de integración do porto coa vila.
DESCARGA DE FROITA
Por outra banda, desde o BNG lamentaron a perda da descarga de froita que vai sufrir o porto de Marín "que supoñerá a perda dun 20% do traballo".
Segundo valora o BNG, "non damos crédito á política de competencia con Vigo á que nos quere levar a Autoridade Portuaria de Marín, cando os dous portos deberían traballar de maneira conxunta e coordinada".
Finalmente o Bloque sinala que "temos unha Autoridade Portuaria inoperante que se dedica a ir polas feiras para presumir polo éxito pasado da descarga da froita, vendo agora como lle dan as costas".