Denuncian o mal estado das sendas da Xunqueira polas que adestran deportistas
Por Redacción
Falta de luz, pavimento cheo de fochancas, árbores caídas que dificultan o paso ou zonas impracticables pola acumulación de auga. Son algunhas das deficiencias que o Partido Popular denuncia nas sendas da Xunqueira que, a diario, son empregadas por centos de deportistas para adestrar.
O edil Guille Juncal, tras varias reunións e encontros con clubs deportivos, sinalou que o estado desta zona "é unha vergoña" e crea un problema "tremendamente grave" para corredores populares, escolas deportivas ou atletas profesionais.
Ante isto, asegura o concelleiro popular, o Concello "dá as costas" aos deportistas "e non se preocupa por nada".
Ademais da zona da Xunqueira, o PP tamén lamentou o desgaste que se aprecia na senda que transcorre en paralelo á Avenida de Bos Aires e que, segundo Juncal, está a xerar "queixas xeneralizadas e numerosas" por parte dos seus usuarios.
Esta situación, engade o edil, está "a repercutir" no rendemento dos deportistas pontevedreses e asegurou que trasladará esta cuestión ante un Concello que, ao seu xuízo, só se preocupa do deporte "para poñer medallas e saír ben na foto".