Unha nai e o seu bebé, evacuados por inhalación de fume nun incendio na súa vivenda de Meaño
Por Redacción
Unha nai e o seu bebé tiveron que ser evacuados da súa vivenda de Meaño na serán deste venres con síntomas de intoxicación por inhalación de fume debido a un pequeno incendio.
Segundo a información facilitada polo 112 Galicia, ocorreu sobre as 20.00 horas nun domicilio situado na Rúa da Chanca, en Meaño. A cociña da vivenda encheuse de fume por mor dun aparello doméstico que comezaba a arder.
O intenso fume provocou a intoxicación da nai e o seu fillo, que tiveron que ser evacuados polos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Ata o lugar tamén se desprazaron os membros do GES de Sanxenxo e os Bombeiros do Salnés, quen, despois de asegurarse que o aparello estaba apagado, realizaron as correspondentes medicións para comprobar a calidade do aire e descartar posibles fugas.
O 112 Galicia tivo coñecemento do ocorrido a través da chamada dun veciño que tratou de sufocar as lapas cun extintor.