'Calendario de adviento', un libro para reenfocar e prepararse para as dificultades do Nadal
Por Redacción
A pontevedresa Mar Dorrío presentou este venres o seu primeiro libro, Calendario de Adviento, que, segundo explica a propia autora, é froito das necesidades que xorden en todas as familias ante a chegada das festas do Nadal.
O libro, presentado na florería Maribel Lolo da rúa Castelao, é, en realidade, segundo as explicacións da propia autora, un calendario de "preparación física, psicolóxica e decorativa" para as festas e ten 24 capítulos, un por cada día de advento, do 1 ao 24 de decembro.
Este é o primeiro libro de Mar Dorrío, unha nai de familia que, segundo explica, decidiuse a escribir tras ser consciente de que despois do Nadal adoita haber moitos divorcios e crises nas parellas, para dar pautas aos matrimonios sobre como prepararse ante estas datas. No seu caso, conta coa experiencia de 22 anos de matrimonio e as cuestións que lle achegaron todas as súas amigas.
Así, propón, por exemplo, que a parella faga un "pequeno briefing" no que fale do que lle senta mal da sogra, o cuñado ou calquera outro membro da familia, "para poñelo en común e darlle a volta ao calcetín", para que as situacións incómodas e irritantes que poidan darse permitan "sacar máis forzas para estar máis unidos".
Trátase de saber que lle custa ao outro, coñecerse máis e, por exemplo, "se che toca o dedo o teu cuñado e iso che senta mal, que a túa parella o saiba para que cando pase, saiba o que che está custand, lle deamos a volta á tortilla e unha situación irritante reafirme a relación de parella e que o Nadal non a afunda".
Este libro achega "puntos de loita" no calendario de advento para "reenfocar eses temas, sacarlle partido" e conseguir máis ilusión. "Hai que reconducilo un pouco, coller as rendas das nosas vidas e que non perdamos ilusión por estas festas, que a min persoalmente me chiflan", explica Dorrío.
É, segundo as súas palabras, unha obra costumista que permite facer unha valoración e enfocar as festas do Nadal con ilusión e con ferramentas como, por exemplo, como vivilas con nenos, os orzamentos das familias e, en xeral, "recolocar todas as dificultades do Nadal para que sexa unha ilusión, non unha dificultade".