Empeza a mudanza ao novo edificio xudicial da Parda
Por Redacción
Este luns 2 de decembro iniciarase o traslado de distintos xulgados da cidade de Pontevedra ao novo edificio xudicial de A Parda, inaugurado hai xusto tres meses, o pasado mes de setembro.
Segundo a información facilitada pola Xunta de Galicia, as unidades xudiciais iranse trasladando de xeito escalonado para facilitar o normal funcionamento dos mesmos. Segundo as previsións, todas as unidades estarán trasladadas no mes de febreiro.
Os traballos comezarán co traslado do xulgado do contencioso administrativo número 1, seguido dos outros dous xulgados do contencioso-administrativo. A continuación, será a quenda dos catro xulgados do social, os dous do mercantil e os cinco de primeira instancia. Os últimos servizos en trasladarse serán os de atención á cidadanía e o servizo común de actos de comunicación e execución (SCACE).
Nos últimos meses, a Xunta xa foi adiantando traballos como a instalación de mobiliario e sistemas de gravación nas salas de vistas para axilizar na medida do posible o traslado que comeza agora. O traslado é agora posible despois de que o pasado martes o Concello concedese a licenza de primeira ocupación, unha vez finalizados os traballos de urbanización.
O novo edificio xudicial dispón dunha superficie de 23.000 metros cadrados para albergar 28 unidades xudiciais, de maneira que soluciona os problemas actuais de espazo e cubrirá a demanda, como mínimo, para os vindeiros 20 anos. A Xunta investiu na súa construción máis de 21 millóns de euros.
Nas súas seis plantas repartiranse diversos servizos. A planta baixa e a primeira albergarán o rexistro civil, as 16 salas de vistas, os despachos para avogados, procuradores e traballadores sociais ou o servizo común de actos de comunicación; e, no resto de plantas situaranse os xulgados.
Ademais, conta con dous sotos cun aparcadoiro para os traballadores e cos arquivos.
Relacionadas:
-
O poder xudicial virá a Pontevedra para celebrar o seu pleno nos novos xulgados da Parda
Por Alejandro Espiño |
-
Os xuíces propoñen reforzar o xulgado de garda e crear a oficina de atención ás vítimas
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
O novo edificio xudicial da Parda cobra vida
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Pontevedra inaugura a súa "cidade da xustiza" na Parda
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O novo edificio xudicial da Parda inaugurarase o próximo 3 de setembro
Por Natalia Puga |