Marín avanza no proxecto para converter a primeira planta da Casa do Mar nun centro de día
Por Redacción
O Concello de Marín deu a coñecer este sábado que avanza na elaboración do proxecto de reforma da primeira planta da Casa do Mar, cuxo uso foi cedido ao Concello pola Tesourería da Seguridade Social, para convertela nun centro de día.
A alcaldesa de Marín, María Ramallo; os concelleiros de Medio Ambiente e Urbanismo, Marián Sanmartín e Manuel Santos; e o xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitaron recentemente as instalacións.
Segundo explicou a alcaldesa, o obxectivo desta visita foi valorar o espazo dispoñible, a súa estrutura e estado actual, para poder deseñar unha nova distribución dos espazos que se adapten ao novo uso. O presuposto inicial destes traballos de reforma ascenderá a 450.000 euros, máis IVE.
Desde o goberno local lembran que traballaron intensamente para conseguir esta cesión da infraestrutura, polo gran interese que ten en adicala a un uso sociosanitario moi necesario na vila. O inmoble, sito na rúa Ezequiel Massoni, ten unha superficie total construída de 2.092 metros cadrados e ten a súa primeira planta baleira, despois de que as instalacións do centro de saúde se trasladasen ao novo edificio.
Ademais, insisten en que a aposta pola cobertura pública da asistencia social da terceira idade é un dos "fortes compromisos" que ten na axenda o goberno municipal, "dada a poboación que temos na nosa vila, na que a xente maior ten un peso moi importante e que precisa das mellores atencións, mesmo cando os recursos son limitados".