'Eu son o Mercado' pon nome e cara aos praceiros de Pontevedra
Por Redacción
Unha campaña bautizada 'Eu son o Mercado' poñerá nome e rostro aos diferentes postos de venda da praza de abastos de Pontevedra a través de fotografías en cor dos vendedores situadas nas principais rúas da zona monumental.
A campaña, impulsada pola Concellería de Promoción Económica de Pontevedra, traducirase na instalación de carteis de gran formato con 62 fotografías a cor dos traballadores que permanecerán colgados ata o día 31 de xaneiro nos seguintes puntos do casco vello: Rúa Real, Praza de Curros Enríquez, Fernández Villaverde, Manuel Quiroga, César Boente e Praza de Méndez Núñez.
A concelleira Yoya Blanco visitou este sábado as instalacións para dar a coñecer a campaña e explicou que a iniciativa busca humanizar as relacións comerciais, poñer en valor o trato directo entre os vendedores e os clientes, revalorizar a calidade dos produtos e materias primas e dar visibilidade, fóra do seu lugar de traballo, aos traballadores que cada día fan posible a existencia dun espazo tan valioso como a praza.
A edil socialista explica que o proxecto ten a intención de "facer unha pequena homenaxe a estas incansables traballadoras e traballadores", ao tempo que enfatiza esas cualidades que, "por desgracia, tanto se están a perder" nas relacións comerciais e que eles ben representan, "a confianza e a cercanía no trato".
A campaña tamén busca que as rúas da contorna do mercado pasen a ser espazos máis acolledores e por darlles máis vida á contorna de Serra e de César Boente e de conectalas con outras prazas tan ateigadas de xente como Méndez Núñez ou A Verdura.
Yoya Blanco insiste en que aínda que algúns dos vendedores levan xa tantos anos no oficio que non se pode dicir que sexan descoñecidos, a exposición servirá para poñer nome e cara por un tempo a aqueles que son máis anónimos.
Relacionadas:
-
Os establecementos do mercado crean unha nova festa gastronómica: o domingo de piñata
Por Redacción |
-
En marcha a tramitación do concurso para adxudicar as 55 bancadas e 7 casetas libres do Mercado
Por Redacción |
-
O pequeno comercio da cidade vístese coa campaña 'Namórate de Pontevedra'
Por Sara Iglesias |
-
O espírito do Nadal chega á praza de abastos
Por Redacción |