A Policía Local destapa unha estafa continuada de dous axentes de seguros
Por Oskar Viéitez
A Audiencia Provincial da Coruña ven de condenar por estafa continuada a dous axentes de seguros, socios dunha correduría de Ferrol, a unha pena de prisión de tres anos e seis meses e ao pago de dunha importante cantidade de cartos aos prexudicados. O caso iniciouse cunha investigación da Policía Local de Pontevedra.
En data 19 de xaneiro de 2012, nun control de tráfico, axentes da Policía Local de Pontevedra procederon a darlle o alto a un vehículo que circulaba pola rúa Ernesto Caballero, e comprobando que, na base de datos da DXT constaba, o vehículo, sen seguro obrigatorio, polo que se procedeu á denuncia e inmobilización do vehículo. O condutor e propietario do vehículo manifestoulle aos axentes que si tiña seguro, que tiña que tratarse dun erro; para iso exhibiu un recibo bancario onde constaba que abonara o recibo do seguro, estando este en vigor.
Tras diversas comprobacións, por parte dos axentes da Policía Local, entre elas coa propia compañía aseguradora, constátase que o recibo fora devolto por falta de pago.
Posteriormente, e tras investigacións, compróbase que o recibo fora pagado, polo propietario do vehículo a unha correduría de seguros de Ferrol, sen que estes abonasen o recibo á Compañía aseguradora, nas mesmas investigacións púidose constatar que varios familiares desta persoa contrataran e pagaran varias pólizas de seguro e atopábanse na mesma situación.
Continuando coas pescudas, a Policía Local de Pontevedra solicita informe, nas distintas compañías aseguradoras que traballaban con esa correduría sobre número de devolucións de recibos emitidos pola correduría investigada, co resultado de numerosos recibos devoltos en similares circunstancias.
Ante os feitos, a Policía Local de Pontevedra, instruíu dilixencias ao xulgado quen, posteriormente, derivárono a un xulgado de Ferrol. O ministerio fiscal continuou coas dilixencias, detectando máis casos na mesma situación.
FEITOS PROBADOS
A sentenza, con data de 21 de novembro, sinala como feitos probados que "Entre os anos 2000 a 2012 os acusados (ambos socios da correduría de seguros), postos previamente de acordo con ánimo de obter un beneficio ilícito e valéndose tanto da súa condición profesional como de confianza neles depositada polos seus clientes, cobraban en efectivo ou a través de domiciliación bancaria, a numerosos clientes, as primas dos seus seguros sen abonalos á diversas compañía aseguradora".
De tal maneira que, as compañías aseguradoras tramitaba os recibos á conta dos axentes aseguradoras e non aos contratantes da póliza polo que procedían á anulación da póliza ao non haber saldo na conta, ignorando, os contratantes do seguro, que fora devolto o recibo. Tal como establece a sentenza: "os acusados apoderáronse de, polo menos, 42.537,58 euros".
Os acusados apoderáronse de, polo menos, 42.537,58 euros
De tal xeito que, recibido o diñeiro en efectivo ou a través de domiciliación bancaria, os acusados quedaban co mesmo, sen abonalo á compañía aseguradora, e formalizaban a póliza do seguro indicando como número de conta onde a compañía debía realizar a cobranza da prima dos clientes, o dunha conta que non pertencía ao cliente contatante, senón á correduría, aos propios acusados ou a terceiras persoas.
As contas indicadas polos acusados carecían de fondos, de maneira que a compañía aseguradora, ao non poder cobrar a prima, anulaba os seguros contratados. Os clientes, ao abonar xa o importe da prima aos acusados, pensaban que os seus respectivos seguros eran válidos e estaban vixentes.