A facturación do sector forestal galego ascendeu o pasado ano ata os 2.300 millóns de euros
Por Oskar Viéitez
A Escola de Enxeñería Forestal do campus de Pontevedra acolleu este luns a presentación do informe "A cadea forestal-industria de Galicia 2018", elaborado polo director desta escola universitaria, Juan Picos, e que destaca, entre outros datos, que a facturación ascendeu no pasado exercicio ata os 2.300 millóns de euros, un 2% máis que no 2017 e que o emprego medio na cadea forestal aumentou un 4,8%, contando con case 22.000 asalariados directos.
Ao acto de presentación asistiu o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, xa que a Xunta de Galicia promoveu este informe. Ademais acudiron a esta cita académica preto de 40 representantes de empresas do sector.
Tal e como se sinalou na presentación, a industria forestal galega continúa crecendo e avánzase así cara o obxectivo fixado dun crecemento do 6% para o período 2019-2021. Ademais, o emprego medio na cadea forestal aumentou un 4,8% respecto a 2017.
A aplicación da madeira no ámbito enerxético tamén obtivo un gran resultado no ano 2018, coa capacidade de produción enerxética de biomasa en Galicia cunha demanda de 479.000 toneladas anuais. A previsión é que esta cifra se cuadriplique no 2021, ata os preto de dous millóns de toneladas, o que demostra o recoñecemento crecente dun material que antes non se aproveitaba.
O conselleiro Francisco Conde sinalou que a Xunta aposta por abrir novas liñas de negocio para a industria forestal vinculadas á economía circular e á bioeconomía.
Conde destacou que o emprego da madeira en campos como a construción permite "avanzar na loita contra o cambio climático". Neste sentido, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria anunciou que se vai a dar oportunidades á mocidade para que constrúan vivendas no rural en madeira.
Para seguir avanzando neste campo, fixo fincapé no traballo en colaboración coa Agrupación industrial da Madeira e o Deseño e os centros tecnolóxicos e de coñecemento no desenvolvemento de proxectos en materia de innovación, no marco da Axenda da Industria Forestal.
Segundo remarcou o conselleiro, o sector debe abrir novos mercados tanto nacionais como internacionais. Así, sinalou as novas aplicacións nas que se está traballando para diversificar as oportunidades, en ámbitos como no sector enerxético, no naval, a automoción ou o téxtil, así como no uso da madeira no deseño e na saúde.