Arroxan catro cachorros a un contedor de lixo en Vilanova de Arousa
Por Redacción
O Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra tenta recuperar desde este pasado sábado a catro cachorros (dous machos, "Ares" e "Ceo", e dúas femias, "Terra" e "Sabela") que foron arroxados a un contedor de lixo en Vilanova de Arousa con apenas horas de vida.
Foron axentes da Garda Civil os que atoparon un total de cinco cans no interior dun contedor de lixo no lugar do Monte, na parroquia de Deiro e os trasladaron ás instalacións do CAAN na Armenteira.
Unha das femias xa chegou morta ao centro e o resto atopábanse en situación crítica, con hipotermia e moi débiles. Os veterinarios do CAAN conseguiron estabilizalos e estanos a alimentar con biberón, xa que nestes momentos non hai posibles nais de acollida, como fora o caso de "Rula", que aleitou ás dúas cadeliñas tamén arroxadas a un contedor de lixo en Cuntis e que xa foron adoptadas.
Neste senso, os veterinarios trasladan de noite aos cachorros ao seu propio domicilio para alimentalos cada dúas ou tres horas e, aínda que estes primeiros días seguen sendo cruciais, os cans están a reaccionar de xeito positivo.
A Deputación lamenta e condena este novo episodio de maltrato e abandono na provincia propio de persoas "desalmadas".
O CAAN presentou no que vai de ano un total de 27 denuncias por abandono e/ou maltrato, dun total de 232 expedientes de localización de propietarios.
Relacionadas:
-
Atopan un can pechado sen auga nen comida en Combarro
Por Redacción |
-
Rexístranse máis de tres abandonos de cans a diario na provincia
Por Redacción |
-
A recuperación de Salo, un Yorkshire abandonado en pésimas condicións que se pode adoptar
Por Redacción |
-
"Apro" leva toda a súa vida vivindo na canceira
Por Redacción |
-
Bertín, o avó do CAAN, xa ten novo fogar en Cotobade
Por Redacción |
-
A Deputación lanza unha campaña para fomentar a tenza responsable dos animais
Por Oskar Viéitez |
-
O centro de acollida animal da Armenteira leva recollidos 994 cans neste 2019
Por Redacción |