Cuntis completa os trámites para destinar a vivendas sociais as antigas casas dos mestres
Por Redacción
O pleno da corporación municipal de Cuntis aprobou o último trámite administrativo que quedaba para poder destinar as antigas casas dos mestres a vivendas sociais.
O edificio que acolle estas vivendas, que actualmente están en desuso, está situado ao carón da casa consistorial e xa foi desafectado pola Consellería de Educación.
Con alteración de bens do edificio, aprobada nesta sesión plenaria, o Concello xa pode redactar o proxecto técnico para reformar o inmoble.
O obxectivo, unha vez rehabilitadas, é converter esas casas en vivendas sociais municipais que se destinarán a familias con necesidades no ámbito social.
Para iso, a primeira planta xa se atopa en obras para trasladar alí as oficinas dos servizos sociais municipais que, grazas a este proxecto, compartirán espazo no edificio con estas vivendas.