Marín inicia o Nadal este xoves coa iluminación e a instalación dunha árbore de 10 metros
Por Redacción
As 18.00 horas deste xoves 5 é o momento escollido polo Concello de Marín para o inicio do acendido do alumeado para as festas de Nadal. Comezará na Praza do Regueiro onde se instalou unha árbore a través da colaboración entre a Asociación de Amighós e Vesiños de Cantodarea e o Concello.
Media hora máis tarde, a Praza de España e a Alameda serán protagonistas da cor prevista para estas festas. Nesta zona instálase unha gran caixa de agasallo con diferentes luces, que permite a entrada dos visitantes para facerse fotografías.
Na Praza da Capirota sitúase o tradicional Belén. Alí as luces van acenderse, segundo o goberno local, sobre as 18.45 horas co acompañamento musical de Máis Cantos, que ofrecerán unhas panxoliñas ás persoas asistentes.
Ás 19.00 horas, a Rúa Fondo do Saco acollerá a habitual chocolatada popular. No Parque Eguren instalarse unha árbore de 10 metros de alto tipo cono, recuberto cun tapiz azul e con estrelas. A iluminación deste adorno será branca.
Durante a inauguración das luces van repartirse trípticos nos que se recolle a programación de actividades prevista para as vindeiras semanas cos horarios de apertura das carpas que se instalarán na Alameda e no Parque Eguren.
Todas as luces están formadas por lámpadas tipo LED con diversos deseños como estrelas pequenas na Avenida de Ourense, círculos en Jaime Janer ou anxiños na Rúa da Estrada ou en Concepción Arenal.