O Concello de Sanxenxo aborda cos veciños a mellora do vial de Arra
Por Redacción
O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín e a concelleira de infraestruturas, María Deza, reuníronse o sábado con veciños propietarios das leiras situadas no vial que une o núcleo de Arra á estrada de Aios e á VG- 4.1.
O obxectivo é que, unha vez mellorado este vial, a pista teña un ancho de entre 4 e 5 metros, mentres que na actualidade o ancho non supera os 3 metros nalgúns casos.
Na reunión entregóuselles aos 66 propietarios un borrador do documento de cesión.
A calzada atópase actualmente sen pavimentar, polo que será necesario realizar un paquete de firme completo en todo o vial.
Este camiño ten unha lonxitude de 550 metros, e as obras comezarán coa limpeza de marxes e apertura de cunetas. A modo de rede de drenaxe lonxitudinal de augas pluviais proxéctase executar unha cuneta triangular revestida de formigón.
Dotarase ao camiño dun novo paquete de firme, para o que levará a cabo a apertura de caixa nun total de 2.646 metros cadrados e estenderase e compactará unha base de saburra artificial de 20 centímetros de espesor.
Sobre esta base aplicarase a capa de rodadura mediante o estendido e compactado dunha capa de aglomerado asfáltico en quente. A superficie para pavimentar ascende a 2.718,00 metros cadrados.
Para finalizar a actuación pintarase a sinalización horizontal ao longo do camiño.
A empresa encargada de executar as obras será COVSA por 37.962 euros que serán financiados con cargo ao plan de mellora de camiños municipais 2019-2020, de AGADER.