Os comuneiros de Vilaboa prevén impulsar o tanatorio a principios de 2020
Por Redacción
O proxecto do ansiado tanatorio para Vilaboa segue dando pasos. A comunidade de montes de San Martiño aprobou por unanimidade que as bases que rexerán o concurso para a construción deste equipamento funerario se elaboren a principios de 2020.
Estas bases servirán de guía para o concurso público ao que se convocará a empresas do sector que estean interesadas en asumir este servizo.
Os comuneiros porán ao dispor da empresa seleccionada os terreos necesarios para construír o tanatorio, que serían cedidos durante trinta anos. A obra de construción, pola súa banda, correría a conta do adxudicatario.
Para iso, a asemblea autorizou a adquisición de varios terreos, cunha extensión próxima aos 2.800 metros cadrados, para o futuro tanatorio e un aparcamento. Ademais, non descartan a posibilidade de comprar máis parcelas para incorporalas ao proxecto.
A asemblea, na que participaron 113 comuneiros, aprobou tamén por unanimidade que a comunidade de montes abandone o convenio coa Xunta de Galicia pola parcela de vinte hectáreas do lago de Castiñeiras.
A directiva, por último, informou dos seus plans para erradicar o eucalipto e detallou vinte hectáreas que estaban cheas desta especie invasora foron replantadas con 370 carballos americanos, 1.150 castiñeiros micorrizados, 14.300 piñeiros, 3.300 piñeiros micorrizados, 420 cedros e 1.050 secuoias.
Relacionadas:
-
Primeira pedra do novo Tanatorio de Vilaboa que construirá a empresa San Marcos
Por Oskar Viéitez |
-
Os comuneiros de San Martiño dan o seu visto e prace ao anteproxecto do Tanatorio de Vilaboa
Por Redacción |
-
Os comuneiros de San Martiño avanzan no seu plan para dotar a Vilaboa dun tanatorio
Por Oskar Viéitez |