O xurado declara ao ex contable da confraría do Grove culpable de apropiarse de cartos do pósito
Por Oskar Viéitez
O xurado popular declarou por unanimidade a Fabricio F.A. culpable dun delito de malversación de fondos públicos cando era contable da confraría de pescadores de San Martiño do Grove.
O xuízo con xurado celebrouse durante seis días na sección segunda da Audiencia de Pontevedra e na noite deste martes tivo lugar a lectura do veredicto.
O xurado, conformado por tres mulleres e seis homes, declarou tamén por unanimidade que Fabricio non é culpable dun delito de falsidade documental, como aseguraba la acusación particular.
Fabricio F.A. estaba acusado de apropiarse de 505.000 euros do pósito durante os anos 2009 e 2010, pero ao saberse descuberto e antes de que se iniciase contra el un procedemento xudicial por estes feitos confesou perante o xulgado de Instrución número 1 de Cambados recoñecendo apropiarse indebidamente duns 190.000 euros, correspondentes unicamente ao diñeiro retirado das entidades bancarias La Caixa e Banesto.
O fallo do xurado entende probado por unanimidade que o acusado actuou afectado por unha ludopatía que supuxo unha "grave limitación nas súas capacidades". Igualmente o veredicto sinala por unanimidade que a actuación do ex contable "non supuxo un prexuízo de especial gravidade para os intereses da confraría" nin para o seu normal funcionamento.
A lectura do veredicto estivo infestada de contradicións que obrigaron á maxistrada presidenta do tribunal a pedir aclaracións na sala sobre o contido do fallo.
Os membros do xurado, por unanimidade, entenden que no transcurso do xuízo tamén quedou probado que o banco Banesto obrou de maneira neglixente permitindo a retirada de fondos sen a firma mancomunada.
Pola contra, o veredicto declara non probado que o acusado se apropiara indebidamente do diñeiro da peixaría que xestionaba a confraría ou da "caixa azul" na que o pósito recada as cotas dos socios e as fianzas dos compradores. Xustifican esta decisión en que "non existe soporte documental que probe este comportamento por parte do acusado". Esta cantidade superaría os 212.000 euros.
PETICIÓN DE CONDENA
En virtude deste veredicto o fiscal David de la Fuente modificou a súa petición inicial de pena a un ano e seis meses de prisión e unha inhabilitación absoluta por espazo de tres anos.
Como responsabilidade civil o fiscal pide o importe da cantidade que se derive dos feitos que foron declarados como probados, estimada nuns 220.000 euros. Esta cantidade é a que o propio Fabricio confesou e que ao comezo da vista oral CaixaBank reembolsou á Confraría mediante un acordo de conformidade.
O representante do Ministerio Público tamén tivo en conta a ludopatía do acusado que minguou a súa vontade e tamén as dilacións indebidas que concorren neste proceso, que xulga uns feitos que tiveron lugar no ano 2010, ademais de que o xurado non considerase acreditada a existencia dun grave prexuízo para os socios do pósito do Grove.
O avogado da acusación particular que representa os intereses da confraría de pescadores San Martiño reclama que o seu ex contable sexa condenado a 3 anos de prisión, 6 de inhabilitación e a devolución do diñeiro.
Pola súa banda, a defensa de Fabricio F.A. pediu que a condena se limite a un ano de prisión e do mesmo xeito que fixo o fiscal e a acusación particular piden que a sentenza condicione a execución da condena ao pago da responsabilidade civil que se fixe, engadindo a conmutación da pena por traballos en beneficio da comunidade.
Relacionadas:
-
Ano e medio de cárcere para o ex contable da confraría do Grove por malversación
Por Redacción |
-
Fabricio F. admite terse apropiado de 220.000 euros da confraría do Grove para gastalos no Casino
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Caixabank recoñece unha actuación neglixente e abona 210.000 euros apropiados indebidamente á Confraría do Grove
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Un tribunal popular xulgará a próxima semana o ex contable da confraría do Grove por apropiarse de fondos
Por Oskar Viéitez |