As denuncias de colapso en Urxencias de Montecelo, con pacientes 30 horas nos corredores, chegan ao Parlamento
Por Redacción
As denuncias realizadas nos últimos días por pacientes e profesionais sanitarios sobre unha situación que cualifican de "colapso" no servizo de Urxencias do Hospital Montecelo chegará ao Parlamento de Galicia da man do deputado do BNG Luís Bará.
O deputado pontevedrés rexistrou este mércores iniciativas parlamentarias sobre a situación de "caos e de colapso" no servizo de urxencias, unha situación que asegura que se repite periodicamente sen que se tomen medidas para atallala ou cando menos atenuala.
O nacionalista faise eco das denuncias de familiares de pacientes ingresados en urxencias, que se queixan de que nesta semana as esperas nos corredores superan as 30 horas, coas incomodidades das persoas enfermas e as dificultades para que o persoal médico poida desenvolver o seu traballo non garantías.
Segundo o persoal que traballa en urxencias, este martes 3 de decembro viviuse unha situación límite, xa que se esgotaron as camas na quenda da mañá e houbo que ocupar as da sala de endoscopias. O persoal das Urxencias presentou queixas diante da dirección pola "caótica situación" e denuncia o volume de traballo e as condicións de presión no que teñen que realizalo.
Segundo Luís Bará, dáse esta grave situación mentres hai 40 camas pechadas no Hospital Provincial desde o verán e o Sergas "non as abre porque non quere contratar máis persoal", polo que "condena a pacientes de moita idade e con patoloxías graves a unha situación de auténtico maltrato ao permanecer amoreadas durante máis de 30 horas nos corredores".
O nacionalista engade que o acontecido os pasados pon en evidencia a "falta de previsión e planificación" da Xerencia do CHOP, xa que había unha previsión de chegada do pico da gripe xustamente nestas datas, polo que "tiñan que terse tomado medidas con antelación suficiente".
Bará considera unha "burla" e unha "absoluta falta de respecto" que a Xerencia do CHOP diga que non hai incidencias destacables cando hai persoas que están sufrindo unha situación "penosa".
Para o deputado nacionalista, a situación en Montecelo é unha manifestación máis dos recortes e do "deterioro do sistema sanitario público", como se pon de manifesto nos últimos meses nas denuncias públicas do persoal de atención primaria, dos PAC e das urxencias hospitalarias.
Na súa opinión, o "deterioro constante" da atención primaria e dos PAC, con recortes de persoal e non cobertura de baixas e vacacións, está a agravar a situación de colapso nas urxencias hospitalarias, pois moitas persoas, ante o atraso das citas en medicina de familia, que chegan ata os dez días, acaban acudindo a Urxencias.
Relacionadas:
-
Pacientes e profesionais de Montecelo alertan do colapso en Urxencias
Por Redacción |
-
Persoal do PAC da Parda denuncia unha nova situación de colapso ao longo deste domingo
Por Redacción |
-
O "tapón" nas Urxencias de Montecelo, a debate no Parlamento de Galicia
Por Redacción |
-
Alertan da falta de persoal nos PAC's e de camas para ingresar pacientes de Urxencias nos hospitais de Pontevedra
Por Redacción |