Unha xornada analizará en Pontevedra como é medrar nunha familia xorda
Por Alejandro Espiño
O Pazo da Cultura acollerá o sábado 14 de decembro a terceira edición da xornada de diversidade sensorial Xuntos Avanzamos que, entre outras cuestións, analizará como é medrar nunha familia xorda e incluirá relatorios sobre a mediación comunicativa no sistema educativo.
A xornada está organizada pola Organización de Diversidade Sensorial de Galicia (Xoga) polo Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Terá entrada de balde, previa inscrición antes das 23.59 horas do 13 de decembro, ata completar un aforo máximo de 270 persoas.
A presidenta de Xoga, María Jesús Monterde, explicou na presentación desta iniciativa que durante a xornada presentarase oficialmente a web inclusiva para a diversidade sensorial www.organizacionxoga.org, que o colectivo quere que sexa un "reflexo da inclusión". Destacou ademais que "non hai ningunha semellante" a nivel europeo.
O programa incluirán varias mesas redondas na que diferentes expertos debaterán sobre a interpretación e a mediación comunicativa no sistema educativo, sobre a experiencia de medrar no seo dunha familia xorda, sobre o estudo da toponimia na lingua de signos española ou sobre as persoas con xordocegueira.
Durante o evento tamén se levará a cabo unha recollida solidaria en favor do Banco de Alimentos, segundo avanzou a presidenta de Xoga.
Pola súa banda, a edil de Benestar Social, Paloma Castro, fixo fincapé na importancia de xornadas como esta, que permiten "concienciar á sociedade" sobre a importancia de crear un mundo "igualitario e diverso".