Acordan dous anos de prisión para tres acusadas de homicidio imprudente dun traballador no incendio dunha nave de Barro
Por Redacción
Dúas fillas do fundador da empresa Comercial Vilanova, situada en Curro, municipio de Barro, e a traballadora da empresa que se encargaba do control das medidas de prevención de riscos laborais recoñecían os feitos que se lle imputaban e aceptaban este mércores unha pena de dous anos de prisión como autoras dun delito de homicidio imprudente pola morte dun traballador, natural de Moraña de 33 anos, e tres delitos de lesións imprudentes a outros tres traballadores da nave propiedade desta empresa que se incendiou en marzo de 2012. O xuízo celebrábase no Xulgado do Penal número 2 nos Xulgados da Parda en Pontevedra.
A Fiscalía reducía así a pena solicitada inicialmente de 4 anos para as fillas do fundador e dous anos e medio para a responsable das medidas de riscos laborais.
O Ministerio Fiscal indicaba no seu escrito que a nave carecía de saídas de emerxencia na planta superior e dun acceso autónomo á varanda metálica na zona da caldeira onde se iniciou o lume. Tanto o falecido como outros catro traballadores da nave, ante o incendio, tiráronse desde unha xanela ao exterior do establecemento desde unha altura de case nove metros.
O xuízo continuará este xoves para dilucidar a responsabilidade civil en relación coas dúas empresas aseguradoras, ás que se reclaman 360.000 euros, dos que 102.170 euros destinaranse aos pais do traballador falecido.