Reclama unha indemnización pola morte do seu marido nun naufraxio en Senegal
Por Oskar Viéitez
O vindeiro luns 9 de decembro no Xulgado do Social número 1 de Vigo atenderá a reclamación de Sandra Patricia Arias, viúva do desaparecido patrón do " Senefand 1", o pontevedrés José Vicente Pazos, que denunciou á empresa armadora do barco, a viguesa Profand, reclamando unha indemnización por este accidente laboral que considera provocado polas deficiencias que presentaba o pesqueiro, que afundiu en augas de Senegal en febreiro do 2017.
O cadáver de Pazos e o doutros dous mariñeiros senegaleses non foi recuperado. Só conseguiron salvarse oito dos once tripulantes naquel naufraxio.
Este mércores compareceu en rolda de prensa a viúva acompañada do seu avogado Alipio Santiago e o representante de CIG-Mar, Xabier Aboi.
O letrado sinalou que o barco non reunía condicións de seguridade "porque tiña unha rampla corrida no costado de estribor" o que afecta á estabilidade do buque. Ademais, tiña unhas portas no parque de pesca á altura da rampla, que facían que o barco estivese moi exposto á entrada da auga.
"Co mar en calma un barco que se afunde en 2 ou 3 minutos, algo raro ten que pasar", sinalou o Alipio Santiago.
Entre outros argumentos, o avogado de Sandra Patricia Arias esgrimirá no xuízo un "documento pericial obxectivo" como é o informe realizado pola Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos ( Ciaim), que conclúe que "a causa do accidente foi o sobrepeso durante a manobra de izado do copo que provocou unha escora repentina e moi pronunciada no barco, que deu lugar, ao estar abertas as portas de popa do parque de pesca, a unha inundación progresiva do buque e o seu posterior envorco".
"Por la memoria de mi marido, por el bienestar de mis hijas, he tomado la decisión de llevarlos a juicio"
INDEMNIZACIÓN
Sandra Patricia explicou que a súa intención nunca foi acudir aos tribunais, pero que non lle quedou máis remedio #ante a escasa indemnización, entre 50.000 e 100.000 euros que a empresa armadora pretende pagarlles a ela e ás súas dúas fillas menores de idade "por la memoria de mi marido, por el bienestar de mis hijas, he tomado la decisión de llevarlos a juicio", dixo.
"Me hacen pasar por todo otra vez" lamentou a viúva "después de tres años agobiantes" nos que a súa familia tivo que afrontar unha gran perda "que veo reflejada en mis hijas, especialmente en la mayor", unha moza de 13 anos que necesitou tratamento psicolóxico por mor deste dramático suceso.
Sandra Patricia Arias lembrou que "en un primer momento la empresa se portó bien" pero non foi así á hora de indemnizar á familia. "Me parece vergonzoso que ahora me hagan pasar por los juzgados y recordar todo", valorou.
A familia do patrón falecido reclama uns 400.000 euros, unha cifra que supón o 0,00056 % da facturación anual da armadora, destacou o representante da CIG.
Xabier Aboi tamén criticou que a morte de Vicente Pazos no naufraxio non se considere accidente laboral porque, ao tratarse dun buque que faenaba con outro convenio e pavillón estranxeiro, a Seguridade Social non lle recoñeceu esta categoría.