Moraña forma a medio cento de veciños en coidados para persoas con Alzhéimer
Por Redacción
O Concello de Moraña vén de clausurar un curso formativo para coidadores de persoas con Alzhéimer e outras demencias, que contou cunha masiva asistencia de preto de medio cento de veciños e que tiña como obxectivo a mellora e reforzo dos seus coñecementos técnicos sobre esta materia. Esta actividade, que se desenvolveu en dúas xornadas en quenda de tarde, clausurouse coa entrega de diplomas acrediativos da Xunta de Galicia na Casa da Cultura coa presenza da alcaldesa, Luisa Piñeiro.
A rexedora valorou, ao remate deste acto, a "multitudinaria participación" como un respaldo ás moitas iniciativas que está a poñer en marcha o Concello de Moraña na área de Servizos Sociais: "O curso de coidadores desbordou todas as previsións, pero confirma que imos polo bo camiño, xa que facemos actividades e prestamos servizos de máximo interese para a cidadanía nunha cuestión tan importante e prioritaria para nós como é a atención aos maiores e dependentes".
Este curso estivo organizado pola Federación Alzhéimer Galicia (Fagal), a Asociación de Familiares de enfermos de Alzhéimer y otras demencias de Pontevedra (Afapo) e a Xunta de Galicia e contou coa colaboración do Concello.
Por outra banda, tamén está en marcha un novo obradoiro social no marco do programa "Tecendo Lazos", promovido pola Deputación de Pontevedra. Esta iniciativa, orientada á construción de xoguetes, está dirixida a nenos dende os 6 anos de idade que poderán acudir acompañados dun adulto e terá lugar na Casa da Cultura de Moraña os días 20, 23, 26, 27 e 30 decembro de 16.30 a 19.30 horas.
As persoas interesadas en participar xa poden recabar máis información na Biblioteca Municipal ou chamando ao teléfono 986 55 28 09 e poden formalizar a súa inscrición, de xeito gratuíto, neste mesmo emprazamento ata o vindeiro martes 10 de decembro.