A canceira de Poio seguirá funcionando en 2020
Por Oskar Viéitez
A Asociación de Amigos da Canceira de Poio - FogarCan, trala reunión mantida este martes na sede municipal co equipo de goberno do Concello de Poio, trasladou a súa "satisfacción polo tono da mesma e pola predisposición ao diálogo mostrada".
Dende a asociación aseguran que neste encontro "sentáronse as bases para a continuidade na tarefa de xestión da canceira municipal por parte da asociación que representamos, compatibilizando a eficiencia nos costes cunha sinceira e profunda preocupación polo benestar animal".
Deste xeito, a canceira de Poio continuará funcionando en 2020 e os cans que se atopan nas súas instalacións non irán á canceira provincial, CAAN.
O concello de Poio concederá unha subvención de 20.000 euros que asegure poder proporcionar o Salario Mínimo Interprofesional da única traballadora e comprometeuse a ofrecer un operario máis que será custeado polas axudas habilitadas pola Xunta ou a Deputación.
O Concello tamén promoverá campañas para fomentar a adopción.