Satse denuncia que a dirección da área sanitaria "ignora e desatende" as demandas do persoal de enfermería
Por Redacción
O Sindicato de Enfermería SATSE denuncia que a xerencia e dirección da área sanitaria de Pontevedra leva "algún tempo" mostrándose "cega e xorda" ante as reclamacións e queixas que trasladan as enfermeiras e demostrando un descoñecemento do traballo de enfermería e un agravio comparativo co resto de profesionais que, na súa opinión, "non se pode permitir".
Segundo denuncia o sindicato, a xerencia da área sanitaria "ignora e desatende" as peticións laborais das enfermeiras mentres solicitudes similares doutros grupos profesionais son atendidas con présa. Asegura que en ocasións mesmo teñen visto que o agravio chega a provocar variación na organización de traballo da enfermeira sen que se lle teña en conta.
O colectivo asegura que a presión cara ao profesional de enfermería é tal que afecta á calidade e rigor que esixe o seu traballo. Respecto diso, a secretaria provincial de SATSE en Pontevedra, Emma Rodríguez, explica que "se nos trata como peóns de xadrez, utilizándonos para encher ocos no taboleiro, primando a realización de técnicas de enfermería delegadas doutras profesións fronte ao traballo propio da enfermería, que lles lembramos é o coidado do paciente".
O Sindicato de Enfermería xa denunciou ante esta xerencia a situación dalgunhas profesionais, entre as que aumentou o número de baixas por tensións e por sobrecarga osteomuscular. Nesa denuncia advertíase que nunha quenda de 7 ou 10 horas hai tanta sobrecarga que os profesionais son incapaces de facer todo o traballo programado.
Respecto diso, aclaran que a cantidade de pacientes non aumentou, pero si cambiou drasticamente o seu perfil e a patoloxía pola que ingresa, sendo esta cada vez máis complexa e necesitada de coidados e procedementos máis complexos. Ademais, apuntan que o tempo que leva os múltiples programas informáticos que manexa unha enfermeira, implantados moitos deles nestes dous últimos anos, "rouba" tempo de coidados aos pacientes
Os profesionais da enfermería tamén cuestionan que se alteran as quendas de traballo de forma arbitraria e esixindo que se cubran os días en planta suplindo a persoal de baixa, de vacacións ou de días libres.
Ademais, atopáronse con que a xerencia limita as vacacións de Nadal, e non respecta outras cuestións igualmente básicas como o deixamento cos días de libre disposición, de forma que os autorizan tan só unhas horas antes de gozalos, sen tempo á organización.
Relacionadas:
-
A Dirección da Área Sanitaria sae ao paso das críticas do Satse
Por Oskar Viéitez |
-
A votación do regulamento provoca novas tensións na xunta de persoal do Complexo Hospitalario
Por Anxo Lourido |
-
O sindicato SATSE traslada ás institucións a necesidade de máis persoal de enfermería
Por Redacción |
-
O sindicato de Enfermería Satse Galicia reclama máis profesionais e medios para atender os casos de gripe en Urxencias
Por Redacción |