A Dirección da Área Sanitaria sae ao paso das críticas do Satse
Por Oskar Viéitez
Nun comunicado remitido dende o Sergas a Dirección da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés "nega rotundamente a veracidade das afirmacións de SATSE sobre as súas relacións e contactos co colectivo de Enfermaría".
A Dirección desta Área defende que "se manteñen xuntanzas e encontros técnicos con aqueles profesionais ou representantes sindicais que así o solicitan".
Respecto ao goce das vacacións e días de libre disposición, a Dirección asegura que o pasado mes de febreiro de 2019 publicáronse na Intranet da Área Sanitaria as instrucións para o seu aproveitamento ao longo do presente ano, "de tal xeito que os profesionais coñecen desde ese momento os criterios para o goce das vacacións".
E sinala que máis recentemente ampliouse o período de desfrute dos días de libre disposición correspondentes ao ano 2019 ata o 31 de marzo de 2020. Engadindo que por parte da Xerencia "respéctase totalmente o cumprimento do pacto sobre selección de persoal estatutario temporal subscrito entre a Administración e certas centrais sindicais, realizando os chamamentos aos aspirantes das listas conforme á rigorosa orde nas mesmas".
Engande que "están a tomarse medidas para a optimización do sistema de forma permanente, co fin de mellorar a cobertura e substitución das ausencias". No que atinxe ás modificacións das quendas, a Área Sanitaria sinala que "se realizan en función das necesidades asistenciais e en todos os casos de xeito consensuado cos profesionais afectados".
Salientan que hai 651 profesionais de Enfermaría no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, cunha ratio de cama/enfermeira de 0.943 efectivos.
E finalmente reiteran que "a utilización das camas vaise producindo en función das necesidades". De tal xeito que, "no momento que o número de altas producidas no hospital é menor que o número de pacientes con indicación de ingreso, procédese á utilización das camas que se precisen".