O porto de Vilagarcía establece un novo récord anual de tráfico de mercadorías
Por Oskar Viéitez
A falta dun mes para que termine o exercicio, o porto de Vilagarcía acaba de establecer un novo récord anual de tráfico de mercadorías, o terceiro consecutivo. A peche de novembro, a Autoridade Portuaria ha movido un total de 1.207.801 toneladas de mercadorías, fronte ao 1.207.577 fixado ao 31 de decembro de 2018.
As previsións da Autoridade Portuaria son que as operativas previstas para decembro permitan incrementar de maneira considerable o balance de tráficos a peche do exercicio, achegándose á cifra de 1,3 millóns de toneladas.
A presidenta da Autoridade Portuaria, Sagrario Franco, realizou unha valoración destes resultados, indicando que "as cifras son o mellor expoñente do importante labor que desenvolve o porto de Vilagarcía para os sectores produtivo e loxístico da súa contorna, e evidencian a importancia do noso porto como dinamizador da economía e motor económico de Vilagarcía e a comarca".
Na comparativa co conxunto do sistema portuario, e ata outubro (último mes do que se dispón de datos globais) o porto arousán experimenta o cuarto maior incremento porcentual de tráficos, por detrás unicamente dos portos de Málaga, Santander e Baía de Cádiz. O incremento dos tráficos no porto arousán a peche de outubro era do 11,34%, fronte ao 1,65% de media do sistema.
Vilagarcía é ademais a única autoridade portuaria das 28 que compoñen o sistema nacional que incrementa os seus tráficos nas tres categorías ata o peche do outubro.