A xuízo tres arousáns por transportar heroína desde Portugal a Vilagarcía
Por Oskar Viéitez
No banco dos acusados da Sección segunda da Audiencia de Pontevedra sentarán o vindeiro martes 10 de decembro tres arousáns que serán xulgados por delitos contra a saúde pública, tenencia ilícita de armas e condución sen permiso.
Estas tres persoas son sospeitosas de transportar heroína desde Portugal a Vilagarcía para a súa posterior distribución. A fiscal demanda para un deles oito anos e catro meses de cárcere; mentres que para os outros dous pide cinco anos e cinco anos e sete meses de cárcere, respectivamente.
O escrito de acusación da Fiscalía relata que en xuño de 2015 os tres acusados estaban a ser investigados polo Grupo de Tráfico Medio de Estupefacientes da Comisaría de Pontevedra cando se desprazaron a Portugal para recoller unha partida de heroína que posteriormente trasladarían a Vilagarcía.
O representante do Ministerio Público sinala que dous deles conduciron o vehículo sen ter permiso de condución, que lles era retirado. Foron detidos nas inmediacións do domicilio do terceiro acusado, cando presuntamente dispoñíanse a entregar a droga.