Maica Larriba defende "a sociedade de dereitos e igualdade que é España"
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado
Durante este venres a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu os actos conmemorativos do Día da Constitución na provincia.
Larriba destacou "os 41 anos de vixencia democrática grazas á nosa Carta Magna que referendamos a cidadanía naquel decembro de 1978". A subdelegada do Goberno quixo facer unha reflexión de todo este tempo destacando "o final dunha etapa escura que permitiu o maior período de prosperidade e bonanza da nosa historia".
Maica Larriba na súa intervención ante os presentes no salón de actos da Subdelegación, manifestou que "estes tempos necesitan do mesmo empuxe dos inicios democráticos, que nos impoñen novas necesidades e esíxennos cambios lexislativos que permitan afrontar todas esas demandas que nos pide a sociedade". Respecto a isto quixo incidir no uso do espírito constitucional por parte daqueles que "se envolven na bandeira da Constitución para defender un país máis do pasado, esquecéndose que desde o seu primeiro articulado somos un Estado social e democrático de dereito, que propugna valores superiores como a liberdade, a xustiza, a igualdade e o pluralismo político".
"O 52% da nosa poboación non pode vivir tranquila pola ameaza do terrorismo machista"
Maica Larriba non quixo esquecerse da necesidade de "apostar sempre, como país que somos de dereitos e igualdade, polo traballo en común que aínda temos pendente co colectivo das mulleres" e, en concreto, visibilizar que "o 52% da nosa poboación non pode vivir tranquila pola ameaza do terrorismo machista".
A subdelegada do Goberno puxo punto e final ao acto manifestando a súa seguridade ante esta nova lexislatura que acaba de comezar como "un tempo de desafíos para novas alternativas políticas que saberemos abordar sen complexos e con altura de miras para dar resposta a todos aqueles problemas e retos que se presenten. En definitiva é o traballo fundamental da clase política responsable".