Cifran en 350.000 euros as últimas obras feitas no Hospital Provincial
Por Oskar Viéitez
A Área Sanitaria ven de investir máis de 350.000 euros nun Plan de Adecuación de Recursos para diversas áreas de hospitalización de Obstetricia, Medicina Interna, Oncoloxía, Neuroloxía e Pediatría no Hospital Provincial de Pontevedra.
Este plan dotou de nova iluminación led en zonas comúns e habitacións, pintado de paredes, molduras, marcos e elementos de carpintería, reubicacións de material, novo mobiliario e un sistema de atemperamento térmico así coma un novo cadro eléctrico xeral.
Dende a Xerencia subliñan que esta inversión incide nos "obxectivos estratéxicos" da Área Sanitaria de manter unha "eficiente e actualizada cobertura" no eido da Atención Hospitalaria.
Tamén se enmarca na necesaria renovación e mellora gradual daquelas infraestruturas asistenciais que, pola súa frecuentación e actividade ao longo do tempo, requiren das devanditas intervencións técnicas.