As chuvias retornan ás Rías Baixas este domingo para abrir unha semana de tempo inestable
Por Redacción
As chuvias regresan ás Rías Baixas ao longo desta fin de semana. Durante este sábado 7 de decembro vai perderse a influencia das altas presións con ventos do sudoeste que traerán máis nubes na franxa atlántica, coa posibilidade de que se produzan orballos e ceos con nubes. As temperaturas manteranse entre os 6 e os 14 graos. Os ventos do sudoeste soprarán frouxos, segundo as previsións do servizo de Meteogalicia.
Ao longo do domingo, unha fronte fría presentarase en Galicia nas primeiras horas da xornada. Desta forma, quedarán ceos cubertos con choivas persistentes durante a mañá e que irán remitindo a partir do mediodía. As temperaturas mínimas experimentarán un notable ascenso e situaranse entre os 11 e os 15 graos. O vento soprará frouxo, de compoñente sur pola mañá cambiando a oeste durante a tarde.
O luns será unha xornada de transición na que Galicia se manterá baixo influencia anticiclónica. Espéranse ceos con poucas nubes, nubes de tipo alto na súa maioría que non impedirán a presenza dos raios de sol. As temperaturas sufrirán un lixeiro descenso. Os ventos soprarán frouxos, de dirección variable.
A partir do martes, as altas presións situaranse sobre toda a comunidade, pero iranse perdendo ao longo da xornada. A probabilidade de choiva irá aumentando ao longo dos seguintes días. As temperaturas oscilarán entre os 9 e os 14 graos.