Iníciase unha campaña para promover a adopción de cans e gatos seguindo os pasos da app Tinder
Por Anxo Lourido
Coa intención de que cada persoa atope á súa "match" na protectora de animais de Pontevedra, o Concello puxo en marcha, a través da concellería de Benestar Animal en colaboración con Polo Correo do Vento, as campañas Cander e Miahoo.
Este sábado presentaban estas iniciativas na praza de España con representantes de Os Palleiros e doutros colectivos animalistas, ademais dos creadores desta proposta que pretende incentivar as adopcións de cans e gatos durante estas festas do Nadal cunha fórmula parecida á de Tinder.
Deste xeito preséntase Napoleón: un can de seis anos, optimista, moi riquiño, deportista, amante de ir en canoa polo Lérez. Napoleón busca un humano ao que lle gusten os paseos, o bo comer e as cancións tradicionais.
A concelleira socialista responsable de Benestar Social, Paloma Castro, indicaba que se editaron trípticos onde se explica como facer unha adopción para concienciar de que os animais non son xoguetes e que implican dereitos e obrigas. A idea da concellería é poñer en marcha unha aplicación para dispositivos móbiles similar á de Tinder na que consten as habilidades dos animais de forma que a persoa adoptante poida comprobar se se axusta ao seu ritmo de vida.
Neste sentido, Tania Solla, ilustradora da campaña, explicaba que os animais teñen personalidades distintas igual que sucede cos humanos. "Podes coller a un can bonito pero ten unha enerxía brutal e non dás. Por iso hai que ver se hai match entre a persoa e os cans e gatos que se atopan á espera de ser adoptados", explicaba na presentación desta iniciativa.
Enrique Mauricio e Carlos Taboada, de Polo Correo do Vento, afirmaban que a idea tamén é fomentar as adopcións e dar a coñecer o labor que desenvolven os diferentes colectivos de protección das mascotas. "Queremos fomentar unha adopción responsable", indicaban. Neste sentido, Paloma Castro reclama a persecución daquelas persoas que maltratan aos animais e pediu á Xunta de Galicia que acúe en casos de agresión a animais como sucedía recentemente en Chantada.
Todas as personas que queiran adoptar un can ou cadela poden pasar pola Protectora de Pontevedra situada en Ribeiro, 1, Campañó, ou contactar a través dos correos electrónicos: ospalleiros@hotmail.com, info@galgos112.com y adopcionesgalicia@hotmail.es
Para iniciar a xestión de acollida de gatos, os correos dos colectivos son difusionfelinapontevedra@gmail.com, adopcionesgalicia@hotmail.com y asohuellasfelinas@gmail.com
As mascotas que se ofrecen en adopción atópanse vacinadas, desparasitadas e co microchip necesario para a súa identificación.
Relacionadas:
-
Mercado solidario para celebrar o día mundial do gato e fomentar a adopción de animais sen fogar
Por Redacción |
-
Unha árbore 'palleira' moi solidaria
Por Redacción & Diego Torrado |
-
RADIO.- Podcans: Aprende a traballar ou reconducir a protección de recursos do teu can
Por Redacción |
-
Paloma Castro asegura que "non haberá máis atrasos que comprometan a xestión do refuxio animal"
Por Redacción |
-
Difusión Felina xa recolleu máis de 50 gatos en Pontevedra neste 2019
Por Redacción |