O Obradoiro de emprego Ulla-Umia IV formará ao seu alumnado en "Sensibilización ambiental"
Por Redacción
Os vinte alumnos do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia IV, pertencente aos concellos de Moraña e Valga, veñen de iniciar a formación complementaria en Sensibilización Ambiental. Trátase dunha ensinanza adxunta aos oficios que van aprender durante o proxecto e que se corresponden coa Albanelería e o Traballo Forestal, modalidades que contan con dez alumnos cada unha.
Esta formación, de nove horas de duración e que é impartida polo experto docente da especialidade de Forestal Manuel Fernández, ten como obxectivo introducir ao alumnado no coñecemento dos principais problemas ambientais, tanto a nivel xeral como no ámbito laboral, e a súa aplicación nas dúas especialidades deste obradoiro a través do desenvolvemento de boas prácticas ambientais.
Fíxose fincapé na contaminación, os vertidos, a compostaxe e a sostenibilidade, os residuos, a desforestación e a desertización. No transcurso da mesma fixeron prácticas de detección dos principais problemas ambientais aplicados ás especialidades formativas desta iniciativa laboral.
Esta formación foi impartida de xeito paralelo ás ensinanzas específicas de cada especialidade para poder empezar a facer prácticas formativas en cada un dos oficios deste Obradoiro de Emprego, financiado pola Xunta con 336.000 euros e que reforzará a empregabilidade destas vinte persoas durante nove meses ao tempo que se melloran diversos servizos públicos de Moraña e Valga.