Cuntis estrea a APP InfoCuntis para comunicarse coa veciñanza
Por Redacción
A través dos dispositivos móbiles e unha APP. Así é a nova canle de comunicación do Concello de Cuntis cos seus veciños. O goberno municipal lanzou a aplicación InfoCuntis desde a que porá a disposición dos habitantes da vila toda a información municipal.
Con esta APP, segundo o Concello, buscan crear una canle directa e bidireccional coa veciñanza. De forma rápida, sinxela e segura os cidadáns terán acceso desde o seu dispositivo móbil a esta información.
As persoas usuarias poderán subscribirse a notificacións para poder recibir avisos diarios no móbil e estar ao corrente das últimas noticias municipais, eventos culturais ou avisos xerais.
"Esta aplicación fará partícipes de forma directa no avance do noso pobo a todas as persoas usuarias facilitando a comunicación con elas como unha forma de compartir as inquedanzas sobre o estado dos servizos ou expor ideas de mellora", sinalan desde o Concello.
A aplicación é de descarga gratuíta e está dispoñible tanto na PlayStore de Google para os móbiles Android como na AppStore dos dispositivos co sistema iOS de Apple.
Cada veciño deberá rexistrarse co seu correo electrónico e, unha vez que o Concello valide e detecte o seu rexistro, comezará a recibir a información.