Os concellos poderán ampliar ou reducir os horarios de peche dos locais de lecer
Por Redacción
A Xunta de Galicia prevé darlle máis marxe de manobra aos concellos para regular os horarios de actividade dos establecementos abertos ao público, nomeadamente os dos locais de lecer nocturno. Así se recolle na orde que desenvolve a lei de espectáculos públicos, presentada este luns polo director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva.
A nova orde establece que serán os concellos os que poderán ampliar ou reducir de forma extraordinaria os horarios xerais de peche, tal e como xa se establecía na nova lei.
Así, poderán ampliar ata un máximo de dúas horas o horario de peche de establecementos durante a celebración das festas e verbenas populares e en datas como o entroido, a Semana Santa e o Nadal, facendo compatible o seu desenvolvemento coa aplicación da normativa en materia de contaminación acústica.
Os concellos tamén terán facultade para reducir os horarios fixados na orde en dúas horas en áreas de alta concentración de establecementos, espectáculos ou actividades en áreas cualificadas como residenciais ou medioambientais que estean protexidas ou saturadas.
O texto recolle que os restaurantes deberán pechar ás 02.00 horas, cafeterías e bares ás 02.30 horas e os salóns de banquetes ás 03.30 horas. Entre os locais de ocio e entretemento, o horario de apertura remata ás 02.00 nos furanchos, ás 04.00 nos pubs, ás 04.30 nos cafés-espectáculo e ás 06.00 nas salas de festas e discotecas.
Durante a fin de semana (venres, sábados e domingos) e nas vésperas de festivos e festivos o horario de peche ampliarase media hora.
Entre as principais novidades deste catálogo destaca a eliminación de figuras como os karaokes ou tablaos flamencos, xa que a súa incidencia en Galicia non xustifica unha tipoloxía propia e poden encadrarse noutras xa existentes como os pubs ou os cafés-espectáculo.
Por outra parte, poderán acollerse a un réxime especial de horarios as actividades de restauración que se vaian celebrar en establecementos de hospedaxe, polígonos industriais, centros sanitarios e tanatorios, así como áreas de servizo de estradas, aeroportos, estacións de ferrocarril e autobuses.
Ademais, os concellos catalogados como zonas de gran afluencia turística poderán autorizar horarios especiais para os titulares dos establecementos que o soliciten porque vaian a levar a cabo actividades de restauración, ocio e entretemento.
O director xeral de Emerxencias lembrou que continuarán sendo os entes locais os que deben realizar inspeccións para comprobar se a actividade e o horario dos establecementos se adecúa á súa licenza de actividade e os que imporán, se procede, as sancións por incumprimentos.