Trinta persoas dan voz á Declaración Universal dos Dereitos Humanos
Por Cristina Saiz
A Casa das Campás acolleu este luns un acto homenaxe á Declaración Universal dos Dereitos Humanos no seu setenta e un aniversario.
O Grupo de Acción de Amnistía Internacional en Pontevedra organizou un ano máis un acto para conmemorar o aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, proclamada por la Asemblea Xeral das Nacións Unidas en París, en decembro de 1948.
Neste acto homenaxe, trinta persoas (representantes de asociacións e cidadáns de distintos ámbitos) leron cada un dos trinta artigos da Declaración, co obxectivo de facer chegar a cidadanía a importancia de respectar, preservar e coidar estes dereitos, que son indivisibles e inalienables.
O acto rematou cun brindis polos dereitos humanos e unha foto de grupo.
Ademais, aproveitaron a ocasión para presentar os casos e recoller firmas para a campaña "Xóganse a vida", que Amnistía Internacional puxo en marcha para recordar a situación dos defensores dos dereitos humanos: Marinel Sumook, Sarah Mardini, Seán Binder, e Yasaman Aryani.
Así Marinel Sumook, de Filipinas, tras sofrir as consecuencias dun tifón, convertiuse en defensora dos dereitos medioambientais e polas condicións de vida da súa comunidade. Sarah Mardini y Seán Binder, en Grecia, son voluntarios de salvamento marítimo na illa de Lesbos, e poden ir á cadea pola súa tentativa de salvar vidas de migrantes que corrían o risco de afogarse. Yasaman Aryani, de Irán, foi condenada a 16 anos de cárcere por protestar contra o uso obrigatorio do velo.