Aparcar en Barcelos terá límite de tempo... e máis seguirán o seu exemplo
Por Alejandro Espiño
Aparcar en Barcelos terá límite de tempo. E non nos referimos ao aparcamento soterrado, senón ás prazas que están en superficie. O Concello de Pontevedra ultima un plan para reordenar os estacionamentos de servizos na cidade. Ampliaranse as zonas de aparcamento limitadas por tempo, para aumentar o uso rotatorio dos aparcamentos e dar cabida a un maior número de vehículos. E dita praza é unha desas zonas.
A nova, adiantada por María Boullosa en Diario de Pontevedra, foi confirmada este luns polo concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera. A praza de Barcelos, onde actualmente non hai restriccións para zona de carga e descarga ou servizos, incorporarase a este modelo de aparcamento. Non está definido aínda o tempo máximo que se permitirá aparcar, pero oscilará entre 30 minutos e unha hora.
En todo caso, Mosquera, que afirmou que aínda queda por perfilar se se aplicará a toda a praza ou só a unha parte, sinalou que se permitirá aparcar aos residentes, sen ningún tipo de restricción temporal, entre as nove da noite e as nove da mañá. Será unha das primeiras zonas onde se unificará a sinalización de carga e descarga, porque a actual "crea certa confusión".
O plan completo, que se presentará "dentro dun tempo", intenta corrixir "disfuncións" detectadas polo goberno municipal na mobilidade peonil ou nos fluxos de tráfico, especialmente na contorna dos centros escolares. Neles prodúcense situacións que "fan aumentar os riscos para a seguridade viaria", polo que se establecerán zonas de aparcamentos para servizos con limitación de tempo, de forma "flexible".
"Queremos que funcione mellor os aparcamentos", dixo o edil nacionalista que citou o caso dos colexios Calasancias, Álvarez Limeses ou Doroteas. Nesas zonas aplicarase este novo modelo, aínda que Mosquera non quixo adiantar máis detalles. Si transcendeu que o goberno municipal pretende peonalizar, dentro desta mesma reordenación, a rúa Alfonso XIII, e limitar a 30 minutos o aparcamento en Echegaray.
O espírito desta reforma está clara. Tendo en conta os poucos aparcamentos dispoñibles nas rúas máis céntricas, "non somos partidarios de quen poida pagar un parking teña sitio na vía pública", explicou Mosquera. Para regular este aparcamento, o Concello botará man do denominado 'multamóvil', que segundo Mosquera é un vehículo con localizador GPS para que a policía local poida saber o tempo que cada coche leva aparcado no mesmo sitio.
Pero insistiu en que non se trata de instaurar unha zona azul "porque ese modelo crea unha expectativa de estacionamento e aumenta o tráfico" e obrigaría a contratar a unha empresa que o xestionase, co conseguinte "esforzo económico" por parte da administración local.
Consciente de que estes cambios obrigarán a un "esforzo" de implantación, reordenación e educación nos cidadáns, o Concello de Pontevedra irá aplicando este novo modelo aos poucos, co horizonte de que os primeiros cambios deste proxecto, denominado "estacionamento gratuito regulado por horarios" póidanse materializar antes do inicio do curso escolar.