Unha espesa néboa matinal, limiar da forte borrasca que se agarda para as vindeiras horas
Por Redacción
As Rías Baixas espertaban este mércores entre unha espesa néboa que, ao longo da xornada, irá deixando paso a profundas borrascas en todo o litoral atlántico, que aumentarán a partir da noite. Espéranse ondas de entre 4 e 5 metros na costa pontevedresa. O aire frío entrará a medida que avance o día e as temperaturas situaranse entre os 8 e os 12 graos, con vento de compoñente oeste, segundo a información facilitada polo servizo de Meteogalicia.
Galicia quedará baixo a influencia dunha profunda borrasca durante toda a xornada do xoves. Esta borrasca, situada ao norte de Irlanda, deixará un día marcado por fortes ventos e choivas intensas. As precipitacións máis persistentes rexistraranse a partir do mediodía. As temperaturas ascenderán lixeiramente para establecerse entre os 9 e os 13 graos. O vento soprará forte de compoñente oeste. A partir das 12.00 horas, a Axencia Estatal de Meteoroloxía activará o nivel de alerta laranxa no interior da provincia de Pontevedra polas fortes chuvias.
Ao longo do venres, as Rías Baixas manteranse con ventos do oeste que deixarán moita humidade. Espérase unha nova xornada de ceos cubertos, con choivas probables e persistentes na franxa atlántica. As temperaturas mínimas ascenderán de forma notable para situarse sobre os 13 graos.
Os ventos oeste-suroeste manteranse tamén durante a fin de semana, mantendo a sensación de humidade. O ceo estará moi cuberto e as choivas rexistraranse de forma intermitente, en xeral serán de carácter leve, aínda que o domingo pasará unha fronte que deixará precipitacións máis intensas.