O Concello inicia as obras para dotar de dous campos de petanca ao barrio do Burgo
Por Oskar Viéitez
O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, presentou este mércores en rolda de prensa o proxecto de acondicionamento dunha parcela de 652 metros cadrados que ven de ser incorporado ao patrimonio municipal despois de ser expropiada por algo menos de 74.000 euros.
A intención do goberno local é "incorporar ao desfrute e uso dos veciños" esta parcela situada detrás do Pavillón de Deportes, á vez que "se recupera ambiental e paisaxísticamente" a marxe esquerda da avenida de Compostela.
Os traballos xa empezaron coa roza e limpeza da leira e nos próximos días acometerase a derriba do muro perimetral, que se atopa nun estado ruinoso, nivelarase o terreo e incorporarase unha capa de terra vexetal adecuada para a plantación de céspede e arborado.
Iván Puentes mostrou o deseño elaborado polos técnicos municipais que inclúe a construción de dous campos de petanca, varias zonas de céspede e uns viais en xabre compactado. Ademais dotarase de bancos e mobiliario urbano a este espazo.
O prazo de execución é dun mes e o orzamento ten un importe de 43.365 euros con cargo ao orzamento deste ano.
O concelleiro tamén avanzou que se pretende actuar na parcela anexa para arrombala e "axardinarla de maneira branda" xa que esta cualificada como chan urbanizable.
Relacionadas:
-
Posta a punto dos campos de petanca e chave de Xeve e o Centro Sur
Por Redacción |
-
Pontevedra despide febreiro co inicio da Liga de Petanca
Por Boris Rodríguez Pintos |
-
Acondiciónase a parcela situada detrás do Pavillón para acoller un novo parque con dúas pistas de petanca
Por Redacción |
-
Expropian unha parcela detrás do Pavillón Municipal para uso público
Por Oskar Viéitez |